xoves, 23 de febreiro de 2017

ROSALÍA DE CASTRO E O CALDO DE GLORIA

Este ano conmemórase o 180 aniversario do nacemento da nosa poetisa máis querida. A Fundación Rosalía de Castro, entre as súas actividades propón a elaboración do Caldo de Gloria. Queres saber de que trata? Le a seguinte noticia que podemos atopar no xornal "La Voz de Galicia":

DÍA DE ROSALÍA NA PRENSA

Neste ano no que a cociña e alimentación están tan presentes no cole, animámosvos a cociñar e probar o CALDO DE GLORIA.

Aquí podedes ler a receita:  CALDO DE GLORIA



Podedes atopar este libro, e outros de Rosalía na sección de Poesía na nosa biblioteca.




Miña casiña, meu lar
Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas
de ouro me vals!



Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas,
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me barría,
que era aquél moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.
Volvínme á miña casiña
alumada do luar;
rexistréi cada burato
para ver de algo atopar;
atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Quixen alcendé-lo lume;
non tiña pau que queimar;
funllo a pedir a unha vella;
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistréi polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios Dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a catar
para que me oíran
en todo o lugar:



Meu lar, meu fogar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!

Ningún comentario:

Publicar un comentario